Obradoiro de Debuxo e Charla sobre Banda Deseñada

XORNADAS DE FOMENTO DA LECTURA QUE ORGANIZA A LIBRARÍA PELAYO

CHARLA SOBRE BANDA DESEÑADA

Sábado 31 de outubro de 2020.

O debuxante Xosé Manuel Fernández fixo unha introdución á historia, máis e menos recente da banda deseñada en Galicia, con especial atención á temática referida ao humor.

Segundo refire o propio ponente, “Galicia tivo e ten grandes debuxantes, moitos deles recoñecidos a nivel nacional e internacional. Dende artistas gráficos que destacaron máis como viñetistas ata outros que son referencia na banda deseñada e a novela ilustrada”.

Na charla sairon nomes de recoñecidos debuxantes galegos, dende clásicos como Xaquín Marín, Xosé Lois ‘O Carrabouxo’, Pepe Carreiro ou Miguel Anxo Prado, ata outros máis achegados aos nosos tempos como Luis Davila, Kiko da Silva, Jacobo Fernández, Miguel Porto, David Rubín ou Emma Rios. Tamén se deu conta de publicacións relevantes da banda deseñada galega, curiosidades e incluso anécdotas do propio ponente, tamén debuxante.

OBRADOIRO DE HUMOR GRÁFICO

Sábado 21 de novembro de 2020.

A actividade enmárcouse nas xornadas de fomento da lectura que organiza a Librería Pelayo e estivo destinado a rapaces con inquietudes polo debuxo e a banda deseñada.

Partindo dunha presentación, na que o debuxante Xosé Manuel Fernández conta a súa propia experiencia, avanzouse para coñecer o máis básico e importante desta disciplina artística.

Diferenciiouse entre humor gráfico e banda deseñada e sairon temas tan importantes como as fontes da imaxinación, a creatividade, consellos profesionais, aspectos máis técnicos como a linguaxe da banda deseñada…

Para rematar, realizouse algún exercicio práctico.

Podedes ollar a lista de reproducción do evento.

Image

Xosé Manuel Fernández Montes é un galego orixinario de Quiroga pero con residencia actual en Monforte. Entre as súas dedicacións profesionais está o debuxo e a ilustración, disciplina que practica dende que era un neno.

A súa formación non é universitaria nin académica, basicamente autodidacta que se vai complementando con colaboracións e encargos de traballo semanais.

Entre as diferentes publicacións nas que ten colaborado está a coñecida revista humorística “Retranca”, o suplemento de humor “O Farelo” do desaparecido xornal A Peneira ou o xornal Galicia Hoxe do grupo El Correo Gallego. Dende o ano 2012 encárgase dunha sección semanal de humor do dixital Galicia Confidencial e dende 2015 fai viñetas para outro dixital, neste caso en castelán, Creando Tu Provincia.

Dende o 2015 ofrece obradoiros de coñecemento e aprendizaxe básicos sobre debuxo e banda deseñada. Dende 2017 forma parte das propostas do Ciclo “Ler conta moito” que promove a Xunta de Galicia cunha actividade sobre humor gráfico.