Presentación do libro "A Marcha de Anxo" de Pablo Veiga

"A Marcha de Anxo"

O pasado 3 de xaneiro, tiven a oportunidade de asistir a un evento especial. Pablo Veiga quixo contar comigo para conducir a presentación da súa novela "A Marcha de Anxo". Esta obra aborda temas profundos como a soidade, a violencia de xénero, a discapacidade e a estigmatización social.

O acto, celebrouse na Casa da Cultura "Olga Novo" da Pobra do Brollón e foi organizado para achegar ao público a figura do autor e a súa traxectoria.

A presentación contou coa asistencia de D. Marián Mtnez. Mtnez, responsable de Cultura, Educación e Turismo do Concello do Brollón e veciños e amigos que quixeron asistir ao evento en directo.

Un autor comprometido coa sociedade

Pablo Veiga é un autor cunha bagaxe profesional e persoal moi rica.

Natural de Begonte, licenciouse en Humanidades e diplomouse en Traballo Social, carreira que exerce dende hai máis de 25 anos no Concello de Friol. A súa experiencia non se limita á contorna galega, xa que ten participado en proxectos de cooperación internacional en Cuba, Brasil e Mozambique. Este compromiso social reflíctese de forma evidente nos temas das súas obras.

Na presentación, Pablo compartiu con entusiasmo os comezos da súa paixón pola escritura. Desde os seus primeiros artigos ata converterse en columnista regular en medios como Terrachaxá e o semanario israelí Aurora, o autor explicou como o feito de reflexionar sobre temas sociais e culturais o axudou a dar forma á súa voz literaria. Ademais, destacou que a experiencia como traballador social foi unha fonte inagotable de inspiración para os personaxes e historias que crea.

A Marcha de Anxo: unha novela con alma

O libro que nos reuniu, A Marcha de Anxo, é a súa primeira novela escrita en galego, foi publicada no ano 2020. Na presentación, o autor desvelou algún dos aspectos máis interesantes desta obra:

• A historia narra o último día dun neno de 9 anos no seu pobo antes de marchar cara a un destino descoñecido. A través dun percorrido en bicicleta, Anxo lembra personaxes, acontecementos e vivencias que marcaron a súa infancia.

• Durante a charla, Pablo respondeu á pregunta que moitos lectores se fan: é unha obra autobiográfica? A súa resposta foi que, se ben hai elementos persoais, a historia e os personaxes son unha mestura de ficción e realidade.

• Tamén compartiu os retos de abordar temas tan complexos como a violencia de xénero e a soidade na terceira idade, elementos que enriquecen a novela cunha forte carga emocional.

Outras facetas literarias

Ademais de A Marcha de Anxo, Pablo falou da súa segunda obra, Crónica de un gallego en Israel (2022), un diario que documenta a súa viaxe a Israel no ano 2010. Esta obra, escrita en castelán, ofrece unha visión persoal e reflexiva sobre a experiencia vivida e os retos de trasladar esas memorias ao papel.

O autor destacou tamén a súa paixón polos relatos curtos, xénero no que acadou recoñecementos en diversos certames literarios. Para Pablo, escribir relatos permite explorar ideas concretas con maior intensidade, mentres que as novelas son un exercicio de constancia e profundidade narrativa.

Un futuro prometedor

Durante a sesión, Pablo compartiu algúns dos seus proxectos futuros, entre os que se atopan novas historias inspiradas na súa experiencia persoal e profesional. Ademais, mencionou a súa participación en iniciativas como Em Creativo, da asociación lucense de esclerose múltiple ALUCEM, que considera fundamentais para visibilizar realidades sociais a través da literatura.

Interacción co público

A presentación rematou cun espazo aberto para que o público puidese facer preguntas. A resposta foi moi positiva, con intervencións que destacaron a capacidade de Pablo para humanizar temas complexos e darlles vida a través da literatura.