Cultura en Vilamor do Courel
Presentación do libro “Unha árbore, un poema e o seu sentir” na Cova da Moura, Vilamor do Courel
O pasado 19 de outubro ás 18:00 horas, no máxico enclave da Cova da Moura en Vilamor do Courel, celebrouse a presentación do libro “Unha árbore, un poema e o seu sentir” da autora Fina López Sueiro, quen asina as súas obras como Fina Maciolas. Acompañada por Rocío Rodríguez, responsable de Peruchela Edicións, Fina compartiu cos asistentes o seu profundo amor polas árbores e a poesía que nace delas.
A tarde estivo marcada pola choiva constante, pero iso non impediu que un bo número de persoas se achegase a Vilamor para participar deste evento tan especial. O espazo, que conta cunha atmosfera envolvente e íntima, foi o lugar perfecto para acoller a presentación desta obra que fusiona natureza e emocións.
Entre as palabras da autora e os marmulos da choiva, os asistentes puideron mergullarse nas historias, fotografías e versos que celebran a beleza das árbores e o seu significado máis profundo. Unha árbore, un poema e o seu sentir é un tributo á vida e á conexión que mantemos coa natureza, invitándonos a redescubrir o valor de cada ser vexetal que nos rodea.
Tras a intervención de Fina, houbo unha rolda de preguntas na que os asistentes amosaron grande interese polos temas tratados no libro. Ao finalizar, a autora asinou exemplares da súa obra, creando un momento máxico cos presentes. O poeta uruguaio-galego José Manuel Rodríguez foi o encargado de poñer o broche de ouro ao evento, deixando unha pegada literaria que acompañou perfectamente o espírito da tarde.
Foi unha tarde emotiva e chea de agradecemento pola compañía dos asistentes, que non dubidaron en viaxar ata o corazón do Courel para vivir de primeira man a experiencia que ofrece este libro.
Se queres ver máis sobre o que aconteceu neste día tan especial, podes facelo a través das ligazóns ao vídeo de YouTube do evento.
HORARIODE MARTES A DOMINGO
Momentos do Acto.
A foto que señala Rocío no libro foi realizada por Carlos Rueda. Trátase do Alcipreste que representa no horoscopo celta á Fidelidade.
E para rematar.... versos.
JOSÉ MANUEL RGUEZ recitando un dos seus poemas para poñer peche á presentación.