Bóveda Slam Poetry
KuturN´aldea
3º Slam PoetryA GOLPE DE VERSOSBÓVEDA
CRÓNICA DO EVENTO
O slam III de Bóveda Slam Poetry desenvolveuse, o día un de xullo ás sete da tarde, desta vez nun espazo distinto e resultou unha experiencia moi interesante.
Se dos dous primeiros combates, no centro sociocultural de Bóveda, resultou algo que non podemos esquecer, en Rubián, no Restaurante Paco, non houbo menos. Unha forma distinta de achegar ao pobo a poesía.
O escenario foi moi ben preparado por Pablo, responsable do local, que aportou o material necesario e a súa experiencia para a montaxe e que traballou nel ata deixalo a punto para que os poetas puidesen compartir os seus versos co público e cos demais slamer, de forma cómoda e nun ambiente moi atractivo.
Antes de encetar a competición, repartimos os taboleiros e os xogos de cartolinas entre algunhas persoas do público, desta vez máis numeroso que nos combates anteriores (botei en falta, eu particularmente, a presenza dalgunha representación do concello que nas outras ocasións si tivemos con nós). Cinco taboleiros e once xogos de cartolinas que se fixeron servir para puntuar e votar aos competidores. Como sempre, procuramos facer este reparto de forma que non haxa vantaxe para ningún dos participantes no combate, cousa que non sempre é doada e temos, e así o facemos, que confiar na honestidade do público que forma parte do xurado.
Convidáramos a visitar o noso slam aos compañeiros e poetas que forman parte da organización do Slam Poetry Carral e tivemos a sorte de ter con nós a catro persoas da Asociación Eco-cultural Lacrar (AECLacrar) que viñeron a darnos o seu apoio. Tres delas, Inma, Anxo e Damián, agasalláronnos cos seus poemas para empezar o certame, poñendo o ambiente poético a punto. Despois deles comenzou o Slam o poeta que viña como reserva, Miguel Ángel Peris, e que non competiu desta vez, xa que non faltou ningún poeta dos titulares. Encetouno como slamer de calibración. Recitou un poema e someteuse ao xurado, ao público, que o puntuou escribindo nos taboleiros e levantándoos á voz de: Un, dous, tres, Slam! Miguel Ángel ficou anotado, como é norma, como titular para o seguinte Slam.
Coma nos Slam anteriores, gozamos moito das interpretacións dos poetas, que cada vez van máis adiante nas súas execucións e, baixo o meu punto de vista, senten cada vez máis cómodos enriba do escenario. O slam desenvolveuse nun ambiente agradable e cun público moi participativo e uns poetas que gozaron e fixéronnos gozar con pezas poéticas de moita calidade. Participaron neste Slam: Joserra, Guímaro, Yolanda Álvarez, León Ferrini, Roberto López, María Mirón e Andrea Micc.
Pasaron á segunda rolda os tres slamer con maiores puntuacións.
De maior a menor puntuación: Andrea Micc, Yolanda Álvarez e Roberto López. Nesta segunda rolda o público escoita e ve a interpretación dos tres slamer e despois, facendo servir as cartolinas, decide cal deles lle gustou máis. O resultado foi o seguinte: Andrea Micc, 9 cartolinas; Roberto López, 1 cartolina; Yolanda Álvarez, 1 cartolina. Tiñamos a gañadora do Slam III, Andrea Micc, cunha enorme diferenza, pero inda se tiña que resolver o empate a unha cartolina entre Roberto e Yolanda, para o que se fixo entrar en xogo ao xulgado de emerxencia, composto por tres persoas das que tiñan cartolinas e que votaron de novo a Roberto e máis Yolanda. Resultou así o segundo posto para Roberto López e o terceiro para Yolanda Álvarez.
As regras inamovibles e principais do slam son: - Poemas propios. - O poeta recita. - O público vota. Non se trata de vir como público para facer gañar ao teu poeta, senón de vir gozar coa poesía del e a dos demais e votar ou puntuar a actuación de cada un sen ter en conta a súa estatura, o seu sexo, a súa idade, a súa guapura ou a súa amizade ou relación persoal con nós.
E o interese dos poetas, a parte do de gañar, é o de compartir e dar a coñecer ao público, pero tamén aos outros poetas, os seus versos, a súa poesía, a súa interpretación, e superarse a si mesmo en cada intervención. A competición, máis que cos demais participantes, é con el mesmo.
A organización do Bóveda Slam Poetry fai todo isto sen ningún ánimo de lucro e co único interese de dar a coñecer e de promover a actividade cultural no ámbito desta disciplina de poesía escénica. O Slam é máis que unha simple competición, é un xeito de darse a coñecer os poetas, un xeito de aprender e de compartir o aprendido. Iso é o bonito do Slam, os poetas comparten e gozan coas pezas dos outros poetas máis aló, inda sen restarlle importancia, de quen resulte gañador. Non temos ningún outro interese máis que o de gozar coa poesía, cos poetas, coa xente, co pobo.
Eu, que fun o responsábel de achegar esta andrómena a Bóveda, manteño a mesma ilusión que ó principio e vendo aos poetas participar e as gañas de compartir as súas pezas cos demais, manteño o meu propósito de acadar anotar Bóveda Slam Poetry na asociación Poetry Slam España, e manteño así mesmo a ilusión de poder mandar un poeta saído da nosa sede ao campionato nacional. Agardo contaxiar esta ilusión que eu teño aos poetas participantes no Bóveda Slam Poetry e que poidan compartir os seus versos cos poetas do Slam Carral e os do Slam Compostela e cos poetas das demais sedes de Slam.